Arquivos de SERGAS

Móvete contra a integración do persoal das fundacións no Sergas

Comunicado que remite ao persoal do SERGAS, Isabel Faraldo Calvo, membro do sindicato da función administrativa do Sergas (SPF)
Defende os teus dereitos e móllate!!

Uns compañeiros da Coruña están levando a cabo unha iniciativa para denunciar a sangrante integración do persoal das Fundacións (sen oposición, sen ningún proceso selectivo previo….).

O prazo para a impugnación remata o 25 de xullo.

Falado con dous prestixiosos avogados de A Coruña, existen visos de que poida sair adiante. Os pasos básicos serían:

Publicación dun anuncio da impugnación nos periódicos de maior tirada de Galicia.

Recurso de Casación previo o Tribunal Supremo.

Demanda ante o Tribunal Supremo.

Todo esto ten uns costes cercanos os 3000 euros.

Os compañeiros están a propiciar unha derrama para que os traballadores afectados e interesados fagan a súa aportación e deste xeito, entre todos, poder asumir a cantidade monetaria que supón.

Acometerase a impugnación si o número de traballadores e suficiente como para que por persoa veña saindo a menos de 30 euros. O que está claro e que todo vai a depender dos interesados. (Por exemplo, con 150 persoas que se apuntasen falaríamos de 20 euros cada un).

En todo caso, os interesados terán que aportar o seu nome, dni e facer o ingreso nunha conta que se abrirá a tales efectos a nome dos 15 ou 20 demandantes que apareceran na impugnación, ca seguinte denominación PLATAFORMA DE IMPUGNACIÓN DO PROCESO DE INTEGRACIÓN DO PERSOAL DAS FUNDACIÓNS PUBLICAS.

Para mais información, poñedevos en contacto con:

DOMINGO SORGA

TLF. 651 833 270

O compañeiro é celador de Información no Hospital Abente y Lago, de A Coruña.

PASALLE ESTE CORREO OU ESTA INFORMACIÓN A TODOLOS QUE CONSIDERES INTERESADOS TANTO SANITARIOS COMO NON SANITARIOS.

Comentarios (8)

Fundación si, fundación non….

Volven a publicarse novas sobre as fundacións. E máis que se publicarán antes e despois do momento en que o Sergas acoitele no lombo ao seu persoal propio. Claro está que isto vai suceder, pois xa non hai volta atrás.

Isto xa non ten remedio, pero igual que sempre quédanos a fala, a nosa gorxa espallando verdades, ese é o único prezo que terán que pagar todos os que se beneficien. Pero é un prezo moi baixo, así que o troco será da súa conveniencia…

Contestando á miña propia pregunta: Fundacións si ou non? Non creo que a integración das fundacións no Sergas sexa algo que teña a presa de outras materias as que nin caso se lles fai, e tampouco creo que sexa nin sequera necesario… Pero eu non son quen de decidir iso, quen o ten que decidir son os que día a día xestionan o Sergas, e se encargan de valorar as súas posibilidades.
Partindo da base de que a integración fose favorable para os usuarios, ninguén estaría en contra da integración das fundacións.

Agora ben, outra cousa é que se integre ao seu persoal laboral, que foi seleccionado para eses postos nas fundacións dun xeito ben distinto ao establecido para o persoal do Segas. Iso si que é inadmisible.
Non caiba dúbida que se poderían integrar as fundacións no Sergas sen que o seu persoal pasase a ser estatutario, poderían seguir sendo laboral ata que pasasen o conseguinte exame de oposición como todo o persoal do Sergas, pero ao persoal das fundacións isto non lles interesa, claro… E mellor que lles regalen a praza, que lles sae máis barata: Así aforran estudar, pagar academias, demostrar o que valen etc… O único mérito, ter coñecido algún día a alguén na fundación que tirou por eles para dentro!!(ou non era para iso a entrevista??).

E agora, para máis inxustiza a fundación Virxe da Xunqueira de Cee, saca unha nova convocatoria, na cal a realización dos exames se vai a desenvolver no mesmo día que a oposición do Sergas. Dous exames distintos para acceder a un mesmo tipo de persoal estatutario.¿Onde quedaron os principios de igualdade, mérito e capacidade?

Unha mafia coma outra… Dentro do Sergas sempre ten habido cousas raras, pero esta e unha rareza masiva.
Parece un truco de maxia: Agora son persoal laboral… Agora fago “chas” e son persoal estatutario… A que mola!!!

Duas ligazóns:
O persoal do sergas rexeita o ingreso de persoal das fundacións

O persoal das fundacións manifesta que a súa integración e ‘legal’

Comentarios

Todo o que precises para o exame de galego e máis

Esta anotación serve tanto para preparar ben o galego nas oposicións, como para adquirir un pouquiño máis de cultura, que a ninguén lle ven mal, incluída a unha servidora…
Atopei unha paxina en internet que sen dubida e a perfecta para preparar unha oposición, e tamén para conseguir saber todo sobre o noso idioma.
Probablemente a páxina máis completa con recursos en galego que exista… so hai que abrir o enlace do final e comprobar a cantidade de recursos que atopamos sobre galego, incluíndo incluso dous cursos.
Para os demais exercicios se cadra xa non nos queda máis remedio que investir os cartos, pero o de galego podemos preparalo gratuitamente dende este repertorio de recursos sen que nos custe euro ningún.
Verdade que parece un agasallo do Nadal?
Ligazón aos recursos en galego (por calidonia)

Comentarios

Crise sanitaria en Internet

Os traballadores do Hospital Virxe da xunqueira de Cee, crean un blog para o desafogo. Nel pódese ler todo o que os traballadores saben e nunca se atreveron a comentar.

Verdades que non se poden dicir en alto, dende o anonimato comentáronse todas.

Parece que foi censurado pois non funciona. Ou non funcionaba no momento en que o probei eu, pero vos podedes intentalo a ver se tedes a sorte..

Poño a ligazón da noticia de ‘La Voz de Galicia’:

crise sanitaria en internet

Comentarios

O galego nas oposicións ¿Canto vale ou é por quilo?

De todos é sabido que se debe ter en conta o coñecemento do galego para o ingreso nas administracións públicas de Galicia.

Agora ben, o peso que ten o galego para o acceso é pequeno. Temos un idioma de oferta, rebaixado e con pouco valor

Para o acceso as prazas do Sergas nesta nova convocatoria que se vai a facer no 2006 hai un total de 130 puntos que o persoal que oposite pode chegar a acadar entre a fase de concurso e a de oposición. Pois ben, o exame de galego ten un valor de tan so 5 puntos deses 130, que é o mesmo que dicir que o noso querido idioma ten un prezo de 3.8% sobre o total da puntuación.

Calquera persoa que non saiba nada en absoluto de galego pode traballar na administración galega, e aprobar con praza sobradamente.

Por non dicir o que se fai nas oposicións da xunta, que podes demostrar o teu coñecemento do galego co curso de iniciación e perfeccionamento, sen que se che pida que estea actualizado, pode ser de fai 10 anos que che serve igual.

Logo daranse situacións imperdoables, poñamos por caso que o estatutario nos diga “hábleme en castellano que no le entiendo”

Denunciable, si, pero que os administrados falemos en galego e nos contesten en castelán pasa a miúdo.

Podo contar o caso real de un persoal sanitario, que nunha solicitude programada de ambulancia tachou a frase “precisa traslado en padiola” para poñer logo con bolígrafo “necesario ir en camilla”

Denigrante para o noso querido idioma galego. Como sigamos queréndoo tan pouco vai morrer, e non vai voltar…

Comentarios

O timo de CEFIASA en Santiago (Opening revisited)

Reproduzo a seguir o texto dunha denuncia que efectuou un usuario do centro de estudios CEFIASA de Santiago de Compostela e na que narra as peripecias que viviu nos últimos seis meses. Como é posíbel que despois de cousas como o de Opening acontezan estas cousas? Como é posíbel que ocorra iso nunha cidade “de estudantes” como Compostela?

EXPOÑO QUE

§ A mediados de novembro de 2005 infórmome na delegación da academia CEFIASA en Santiago de Compostela para recibir aulas de formación presencial dirixida á oposición pública de persoal de servizos xerais do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

§ O local de atención ao público e as aulas están sitas na Rúa Escultor Camilo Otero, nº 17, 15702 Santiago de Compostela, que foron abertas durante o ano pasado, 2005. O teléfono de contacto co se publicitan é o 981940494 e a súa páxina web http://www.cefiasa.com, que partillan co resto de centros.

§ A citada academia pertence ou ten algún acordo de colaboración co chamado Grupo Adams, con presenza non só en Galiza senón en diversas cidades de España. A súa páxina web é http://www.adams.es

§ No primeiro contacto co persoal de información deste centro se me informa dos seguintes extremos:

o O prezo de matrícula é de 40€

o O prezo da mensualidade é de 100,80€

o O prezo do temario sería de 60€

o As clases serían Martes e Xoves en horario de mañá e de tarde

o Sería posíbel asistir indistintamente nun horario ou no outro, garantíndome que o desenvolvemento das aulas correría de forma paralela.

§ Anímome a formalizar matrícula neste centro, animada especialmente por este último aspecto, na miña condición de traballadora eventual e estudante ao mesmo tempo. O pagamento que certifica a matrícula realízase no mes de decembro de 2005.

§ Xunto co xustificante de pagamento se me fai entrega dun único documento titulado “CONDICIONES GENERALES de Contratación de Clases Presenciais” na que non figura o nome de CEFIASA senón o de Centro de Estudios ADAMS. Nel se detallan unha serie de condicións, a algunhas das cales me refiro con posterioridade. Trátase dun díptico impreso a dobre cara e dobrado pola metade a modo de libro que non leva cuño, carimbo ou marca algunha de fe ou certificación por parte de ningunha persoa física ou xurídica. Adxúntase a esta documentación xunto co xustificante de pagamento.

§ Comezo a asistir ás aulas sen que existan exemplares impresos do temario que me foi referido no momento en que recadei información sobre os servizos do centro.

§ Ás poucas semanas de clase, no mesmo mes de decembro, decátome de que as aulas en horario de mañá e as aulas en horario de tarde non van sincronizadas nin en paralelo, en canto aos contidos impartidos nas mesmas.

§ En xaneiro de 2006, perante a non dispoñibilidade dun libro de temario e as repetidas preguntas dos alumnos, o persoal do centro proponnos que compremos un temario correspondente á anterior oposición do SERGAS, convocada no ano 2001.

§ Comunícanme nese momento que o prezo do temario non son 60€, como prometeron antes de matricularme, senón 105€, pois “a maiores había dous libros de informática”. Procedo a mercar o temario polo prezo de 105€.

§ As sucesivas aulas, entre xaneiro e marzo de 2006, transcorren con base no vello temario desfasado, con temas e Leis xa derogadas, sendo utilizadas aquelas partes non modificadas por normas legais posteriores ao ano 2001.

§ Isto ten lugar durante unha época na que é público e notorio que os sindicatos teñen pactado un temario oficial para a convocatoria de oposicións do SERGAS que todo o mundo agardaba para o presente ano.

§ Durante este período as clases de mañá e de tarde seguen sen ser paralelas.

§ En só un mes temos nunha mesma quenda, a de horario de mañá, un total de tres profesores diferentes para explicar o tema “procedemento administrativo”. Cada un deles empeza o tema desde cero, de xeito que é imposíbel avanzar.

§ O Centro decide un cambio de datas. As aulas deixan de ser impartidas os días martes e xoves, para ser os luns e os xoves, sen previa consulta aos alumnos.

§ No citado folleto de “Condiciones” é certo que se advirte da posibilidade de cambios nos horarios e nos profesores, pero en ningún caso isto foi advertido ou consultado previamente aos alumnos. Cito textualmente: “Los alumnos tienen derecho a ser informados sobre todo lo relativo a la programación y orientación de las clases”.

§ En abril de 2006, por motivos laborais e de fastío co xeito de funcionamento e cos incumprimentos do Centro, doume de baixa nesta academia e deixo de asistir ás aulas.

§ Dado que xa abonara con anterioridade o prezo do temario comunícanme que en canto saia o temario actualizado non vou ter ningún problema para ir alí e recollelo a cambio do antigo e desfasado.

§ O 29 de maio de 2006 teño coñecemento por terceiros de que a academia Cefiasa saca á venda o temario da parte común de todas as categorías de oposicións ao SERGAS, e me achego ao seu local de Santiago de Compostela para recollelo.

§ O persoal desta oficina me comunica que para levar agora o temario novo actualizado teño que volver pagar de novo un 50% do seu importe, posto que non estou asistindo as clases. Danme a elixir entre pagar este 50% de novo ou volver a ir ás clases abonando as mensualidades, en cuxo caso si que mo cambiarían.

§ Ante a sensación de fraude que experimento solicito a devolución do diñeiro abonado con anterioridade, negándose a devolverme o diñeiro a cambio da entrega o temario vello e non actualizado que me venderon e que levaba comigo.

§ Indignada con este comportamento procedo a darme de alta como usuaria na páxina web http://www.cefiasa.com para poder acceder aos seus foros ou fíos de debate e verter alí ao resto de usuarios actuais e potenciais do centro santiagués desta academia esta información de interese xeral, nos mesmos termos en que aquí está expresada.

§ Que esta información foi borrada de cando menos dous lugares distintos, suponse que polo administrador ou supervisor da páxina web do centro ou da empresa.

É por todo isto que me dirixo a XXX para presentar as presentes DENUNCIA e RECLAMACIÓN.

SOLICITO

- Saber se o citado centro de estudios posúe todas as licenzas municipais de actividade preceptivas e se está ao día no abono das taxas e impostos municipais que deba abonar.

- Saber se o citado centro cumpre todos os requirimentos legais no xeito de contratación e/ou matriculación que me foi aplicado á miña persoa e ao resto de alumnos.

- Saber se o citado centro incorreu en algún suposto de publicidade enganosa, antes da matriculación, durante os meses en que estiven matriculada e con posterioridade, ao non cumprir cos compromisos que me foron comunicado verbalmente.

- Saber até que punto o citado centro de estudios debe indemnizar aos alumnos por cambiar determinadas condicións claves de funcionamento sen previa consulta individualizada aos alumnos, nomeadamente na fixación de días e horas das aulas.

- Saber até que punto o citado centro debe indemnizar aos alumnos por frear o normal desenvolvemento das aulas debido a un evidente problema de falta persoal docente, de rotación exarcevada do mesmo ou de incompetencia na xestión. Élle esixíbel ao centro de estudos a posesión de medios e de recursos tanto humanos como materiais suficientes para o correcto desenvolvemento dos servizos que os alumnos contratamos con eles?

- Saber se é legal que o citado centro cobre dúas veces polo temario, desdicíndose así da afirmación que me fixeron en relación a que me sería trocado polo vello sen problemas, demostrándose ser isto mentira.

- Iniciar un proceso de reclamación suxeito a arbitraxe en todos aqueles dos anteriores puntos nos que os meus dereitos como consumidora (e os dos demais alumnos) fosen vulnerados polo citado centro, establecéndose a esixencia de devolución do importe abonado polo temario e indemnización axustada a Lei tanto polas deficiencias e carencias dos servizos contratados como polos abusos sufridos.

Comentarios (41)

O persoal das Fundacións integraranse no SERGAS sen oposición pública

¿Será posible que nunca remate o sistema do inchufismo?
Non fai moito escoitei nunha nova, non sei se de radio ou de televisión que Galiza era a comunidade autónoma con máis índice de enchufismo de toda España.
E agora eu engado: o peor de todo é que no fondo hai xente (e xa estou desgraciadamente comezando a pensar que é a maioría) que o considera normal.
Non é a primeira vez que estando a falar con algún amigo/a me comentan que a eles no fondo lles parece normal, que o importante é que a xente vaia mínimamente preparada, que logo dá igual a forma na que sexa o seu acceso: por enchufismo ou legal
Parécelles normal porque xa están acostumados a que sexa así: á tremenda inxustiza e ao mesmo tempo discriminación que iso supón para quen non coñece a ningunha persoa desas “interesantes” que che poden botar un “cable”, non tes suficiente efectivo no banco para comprar esa “amizade” e “favor” ou simplemente os teus prexuízos, a túa forma de ser cho impide porque te sentirías coma o que serías: Unha persoa que lle está quitando o posto a outra que o merece, que loitou por el e que está máis preparada ca ti.
Esas persoas están a xogar con todo o sistema, e benefícianse do que é de todos, do que todos temos dereito:
Temos dereito a un acceso igualitario!
A administración somos todos, porque a estamos sostendo todos, logo esas persoas son os parasitos da administración, os que nos están roubando os nosos dereitos.
E o que é peor se cabe, é a forma en que os gobernantes encobren esta practica facultando o enchufismo, mediante sistemas polos que unha persoa pode ser contratada, ou elixida con unha entrevista persoal.
¿De verdade pensan que os administrados nos chupamos o dedo? Dámosnos perfecta conta que o elixido será sen dúbida un gran amigo de feito ou de “dereito” do entrevistador
Fai uns días saíu publicada a convocatoria para unha oposición para a Fundación Virxe da Xunqueira de Cee, íame a presentar, ata que cheguei á parte na que versaba: “Unha das probas será unha entrevista persoal” xa non me presento. É a última cuadrilla de trifásicos a incorporar ata que se incorporen á sanidade pública e pasen a ser do SERGAS… pero, non se preocupen señores enchufados, vostedes conserven os seus contactos que o sergas seguirá aportando novos lugares para vostedes, dentro e fora da fundación.
Hai que aclarar que esta xente pasará a ser do Servizo Galego de Saúde, é dicir , a ser da sanidade pública, e polo tanto pasarán a desempeñar postos públicos con data de 31/12/2006.

Comentarios (7)

Estimados opositores

Nesta páxina ábrese un lugar onde verter todas aquelas anécdotas, inxustizas e demais relacionadas coas oposicións públicas.

O actual mercado laboral está obrigando a que milleiros de persoas que en Galiza se fixeron con unha licenciatura ou diplomatura concursen nos procesos públicos de emprego para conseguir unha praza na administración.

Estes opositores optan por presentarse ás prazas de grupos D e E, máis que nada porque as dos grupos que lles corresponderían A ou B, son practicamente inacadables.

De aí que cando se presentan tal cantidade de persoas para unhas cantas prazas dea lugar a favoritismos e demais.

Esta páxina pretende denunciar todas aquelas irregularidades que se producen, e que a maior parte das veces quedan esquecidas.

Animo a que todas aquelas persoas que vexan que os seus dereitos son vulnerados o denuncien nesta páxina.

Non hai que esquecer que a unión fai a forza.

Un saúdo para todo/as.

Comentarios