O galego nas oposicións ¿Canto vale ou é por quilo?
De todos é sabido que se debe ter en conta o coñecemento do galego para o ingreso nas administracións públicas de Galicia.
Agora ben, o peso que ten o galego para o acceso é pequeno. Temos un idioma de oferta, rebaixado e con pouco valor
Para o acceso as prazas do Sergas nesta nova convocatoria que se vai a facer no 2006 hai un total de 130 puntos que o persoal que oposite pode chegar a acadar entre a fase de concurso e a de oposición. Pois ben, o exame de galego ten un valor de tan so 5 puntos deses 130, que é o mesmo que dicir que o noso querido idioma ten un prezo de 3.8% sobre o total da puntuación.
Calquera persoa que non saiba nada en absoluto de galego pode traballar na administración galega, e aprobar con praza sobradamente.
Por non dicir o que se fai nas oposicións da xunta, que podes demostrar o teu coñecemento do galego co curso de iniciación e perfeccionamento, sen que se che pida que estea actualizado, pode ser de fai 10 anos que che serve igual.
Logo daranse situacións imperdoables, poñamos por caso que o estatutario nos diga “hábleme en castellano que no le entiendo”
Denunciable, si, pero que os administrados falemos en galego e nos contesten en castelán pasa a miúdo.
Podo contar o caso real de un persoal sanitario, que nunha solicitude programada de ambulancia tachou a frase “precisa traslado en padiola” para poñer logo con bolígrafo “necesario ir en camilla”
Denigrante para o noso querido idioma galego. Como sigamos queréndoo tan pouco vai morrer, e non vai voltar…