Arquivos de maio, 2006

O timo de CEFIASA en Santiago (Opening revisited)

Reproduzo a seguir o texto dunha denuncia que efectuou un usuario do centro de estudios CEFIASA de Santiago de Compostela e na que narra as peripecias que viviu nos últimos seis meses. Como é posíbel que despois de cousas como o de Opening acontezan estas cousas? Como é posíbel que ocorra iso nunha cidade “de estudantes” como Compostela?

EXPOÑO QUE

§ A mediados de novembro de 2005 infórmome na delegación da academia CEFIASA en Santiago de Compostela para recibir aulas de formación presencial dirixida á oposición pública de persoal de servizos xerais do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

§ O local de atención ao público e as aulas están sitas na Rúa Escultor Camilo Otero, nº 17, 15702 Santiago de Compostela, que foron abertas durante o ano pasado, 2005. O teléfono de contacto co se publicitan é o 981940494 e a súa páxina web http://www.cefiasa.com, que partillan co resto de centros.

§ A citada academia pertence ou ten algún acordo de colaboración co chamado Grupo Adams, con presenza non só en Galiza senón en diversas cidades de España. A súa páxina web é http://www.adams.es

§ No primeiro contacto co persoal de información deste centro se me informa dos seguintes extremos:

o O prezo de matrícula é de 40€

o O prezo da mensualidade é de 100,80€

o O prezo do temario sería de 60€

o As clases serían Martes e Xoves en horario de mañá e de tarde

o Sería posíbel asistir indistintamente nun horario ou no outro, garantíndome que o desenvolvemento das aulas correría de forma paralela.

§ Anímome a formalizar matrícula neste centro, animada especialmente por este último aspecto, na miña condición de traballadora eventual e estudante ao mesmo tempo. O pagamento que certifica a matrícula realízase no mes de decembro de 2005.

§ Xunto co xustificante de pagamento se me fai entrega dun único documento titulado “CONDICIONES GENERALES de Contratación de Clases Presenciais” na que non figura o nome de CEFIASA senón o de Centro de Estudios ADAMS. Nel se detallan unha serie de condicións, a algunhas das cales me refiro con posterioridade. Trátase dun díptico impreso a dobre cara e dobrado pola metade a modo de libro que non leva cuño, carimbo ou marca algunha de fe ou certificación por parte de ningunha persoa física ou xurídica. Adxúntase a esta documentación xunto co xustificante de pagamento.

§ Comezo a asistir ás aulas sen que existan exemplares impresos do temario que me foi referido no momento en que recadei información sobre os servizos do centro.

§ Ás poucas semanas de clase, no mesmo mes de decembro, decátome de que as aulas en horario de mañá e as aulas en horario de tarde non van sincronizadas nin en paralelo, en canto aos contidos impartidos nas mesmas.

§ En xaneiro de 2006, perante a non dispoñibilidade dun libro de temario e as repetidas preguntas dos alumnos, o persoal do centro proponnos que compremos un temario correspondente á anterior oposición do SERGAS, convocada no ano 2001.

§ Comunícanme nese momento que o prezo do temario non son 60€, como prometeron antes de matricularme, senón 105€, pois “a maiores había dous libros de informática”. Procedo a mercar o temario polo prezo de 105€.

§ As sucesivas aulas, entre xaneiro e marzo de 2006, transcorren con base no vello temario desfasado, con temas e Leis xa derogadas, sendo utilizadas aquelas partes non modificadas por normas legais posteriores ao ano 2001.

§ Isto ten lugar durante unha época na que é público e notorio que os sindicatos teñen pactado un temario oficial para a convocatoria de oposicións do SERGAS que todo o mundo agardaba para o presente ano.

§ Durante este período as clases de mañá e de tarde seguen sen ser paralelas.

§ En só un mes temos nunha mesma quenda, a de horario de mañá, un total de tres profesores diferentes para explicar o tema “procedemento administrativo”. Cada un deles empeza o tema desde cero, de xeito que é imposíbel avanzar.

§ O Centro decide un cambio de datas. As aulas deixan de ser impartidas os días martes e xoves, para ser os luns e os xoves, sen previa consulta aos alumnos.

§ No citado folleto de “Condiciones” é certo que se advirte da posibilidade de cambios nos horarios e nos profesores, pero en ningún caso isto foi advertido ou consultado previamente aos alumnos. Cito textualmente: “Los alumnos tienen derecho a ser informados sobre todo lo relativo a la programación y orientación de las clases”.

§ En abril de 2006, por motivos laborais e de fastío co xeito de funcionamento e cos incumprimentos do Centro, doume de baixa nesta academia e deixo de asistir ás aulas.

§ Dado que xa abonara con anterioridade o prezo do temario comunícanme que en canto saia o temario actualizado non vou ter ningún problema para ir alí e recollelo a cambio do antigo e desfasado.

§ O 29 de maio de 2006 teño coñecemento por terceiros de que a academia Cefiasa saca á venda o temario da parte común de todas as categorías de oposicións ao SERGAS, e me achego ao seu local de Santiago de Compostela para recollelo.

§ O persoal desta oficina me comunica que para levar agora o temario novo actualizado teño que volver pagar de novo un 50% do seu importe, posto que non estou asistindo as clases. Danme a elixir entre pagar este 50% de novo ou volver a ir ás clases abonando as mensualidades, en cuxo caso si que mo cambiarían.

§ Ante a sensación de fraude que experimento solicito a devolución do diñeiro abonado con anterioridade, negándose a devolverme o diñeiro a cambio da entrega o temario vello e non actualizado que me venderon e que levaba comigo.

§ Indignada con este comportamento procedo a darme de alta como usuaria na páxina web http://www.cefiasa.com para poder acceder aos seus foros ou fíos de debate e verter alí ao resto de usuarios actuais e potenciais do centro santiagués desta academia esta información de interese xeral, nos mesmos termos en que aquí está expresada.

§ Que esta información foi borrada de cando menos dous lugares distintos, suponse que polo administrador ou supervisor da páxina web do centro ou da empresa.

É por todo isto que me dirixo a XXX para presentar as presentes DENUNCIA e RECLAMACIÓN.

SOLICITO

- Saber se o citado centro de estudios posúe todas as licenzas municipais de actividade preceptivas e se está ao día no abono das taxas e impostos municipais que deba abonar.

- Saber se o citado centro cumpre todos os requirimentos legais no xeito de contratación e/ou matriculación que me foi aplicado á miña persoa e ao resto de alumnos.

- Saber se o citado centro incorreu en algún suposto de publicidade enganosa, antes da matriculación, durante os meses en que estiven matriculada e con posterioridade, ao non cumprir cos compromisos que me foron comunicado verbalmente.

- Saber até que punto o citado centro de estudios debe indemnizar aos alumnos por cambiar determinadas condicións claves de funcionamento sen previa consulta individualizada aos alumnos, nomeadamente na fixación de días e horas das aulas.

- Saber até que punto o citado centro debe indemnizar aos alumnos por frear o normal desenvolvemento das aulas debido a un evidente problema de falta persoal docente, de rotación exarcevada do mesmo ou de incompetencia na xestión. Élle esixíbel ao centro de estudos a posesión de medios e de recursos tanto humanos como materiais suficientes para o correcto desenvolvemento dos servizos que os alumnos contratamos con eles?

- Saber se é legal que o citado centro cobre dúas veces polo temario, desdicíndose así da afirmación que me fixeron en relación a que me sería trocado polo vello sen problemas, demostrándose ser isto mentira.

- Iniciar un proceso de reclamación suxeito a arbitraxe en todos aqueles dos anteriores puntos nos que os meus dereitos como consumidora (e os dos demais alumnos) fosen vulnerados polo citado centro, establecéndose a esixencia de devolución do importe abonado polo temario e indemnización axustada a Lei tanto polas deficiencias e carencias dos servizos contratados como polos abusos sufridos.

Comentarios (41)

O persoal das Fundacións integraranse no SERGAS sen oposición pública

¿Será posible que nunca remate o sistema do inchufismo?
Non fai moito escoitei nunha nova, non sei se de radio ou de televisión que Galiza era a comunidade autónoma con máis índice de enchufismo de toda España.
E agora eu engado: o peor de todo é que no fondo hai xente (e xa estou desgraciadamente comezando a pensar que é a maioría) que o considera normal.
Non é a primeira vez que estando a falar con algún amigo/a me comentan que a eles no fondo lles parece normal, que o importante é que a xente vaia mínimamente preparada, que logo dá igual a forma na que sexa o seu acceso: por enchufismo ou legal
Parécelles normal porque xa están acostumados a que sexa así: á tremenda inxustiza e ao mesmo tempo discriminación que iso supón para quen non coñece a ningunha persoa desas “interesantes” que che poden botar un “cable”, non tes suficiente efectivo no banco para comprar esa “amizade” e “favor” ou simplemente os teus prexuízos, a túa forma de ser cho impide porque te sentirías coma o que serías: Unha persoa que lle está quitando o posto a outra que o merece, que loitou por el e que está máis preparada ca ti.
Esas persoas están a xogar con todo o sistema, e benefícianse do que é de todos, do que todos temos dereito:
Temos dereito a un acceso igualitario!
A administración somos todos, porque a estamos sostendo todos, logo esas persoas son os parasitos da administración, os que nos están roubando os nosos dereitos.
E o que é peor se cabe, é a forma en que os gobernantes encobren esta practica facultando o enchufismo, mediante sistemas polos que unha persoa pode ser contratada, ou elixida con unha entrevista persoal.
¿De verdade pensan que os administrados nos chupamos o dedo? Dámosnos perfecta conta que o elixido será sen dúbida un gran amigo de feito ou de “dereito” do entrevistador
Fai uns días saíu publicada a convocatoria para unha oposición para a Fundación Virxe da Xunqueira de Cee, íame a presentar, ata que cheguei á parte na que versaba: “Unha das probas será unha entrevista persoal” xa non me presento. É a última cuadrilla de trifásicos a incorporar ata que se incorporen á sanidade pública e pasen a ser do SERGAS… pero, non se preocupen señores enchufados, vostedes conserven os seus contactos que o sergas seguirá aportando novos lugares para vostedes, dentro e fora da fundación.
Hai que aclarar que esta xente pasará a ser do Servizo Galego de Saúde, é dicir , a ser da sanidade pública, e polo tanto pasarán a desempeñar postos públicos con data de 31/12/2006.

Comentarios (7)